Volver


19/04/2012

Trinta alumnos do CEIP Fraga Iribarne plantaron sesenta árbores nunha canteira de Cariño con motivo do IV día das Árbores e dos Áridos

A Asociación Galega de Áridos (AGA), con sede en Santiago de Compostela, celebrou o IV día das Árbores e dos Áridos cunha xornada de portas abertas nunha das canteiras de Pasek Minerales, pertencentes á asociación.

Ata a explotación, no Concello de Cariño, desprazáronse trinta alumnos de doce anos de idade do colexio CEIP Fraga Iribarne para visitar e coñecer o funcionamento da canteira e plantar sesenta árbores, contribuíndo así á restauración do terreo xa traballado.

A Asociación Galega de Áridos agrupa ás empresas galegas produtoras de áridos, material utilizado para elaborar capas granulares, formigón, aglomerado asfáltico e balastro para o ferrocarril. Conta con 58 compañías asociadas, que xestionan máis de 79 canteiras distribuídas por todo o territorio galego e que dá emprego, directa e indirectamente, a unhas 4.000 persoas.

Segundo explicou o presidente da patronal galega, José Lista Tasende, "AGA pretendeu alcanzar un dobre obxectivo no día de hoxe: continuar a difundir o traballo das explotacións de áridos a nivel social, e concretamente entre os máis cativos, e amosar o compromiso que ten o sector coa protección e o respecto polo medio ambiente". Neste sentido, as canteiras e graveiras ofrecen unha boa oportunidade para poder unir o coñecemento práctico da procedencia dos áridos e do seu proceso de produción, coas prácticas de respecto ao medioambiente.

Os alumnos recibiron a benvida ás 10:30 horas da mañá para a explicación das normas de seguridade existentes en toda explotación de dunita. Unha vez ataviados cos cascos e chalecos pertinentes iniciaron a visita por toda a canteira. Durante unha hora percorreron a zona de extracción do material e a planta de tratamento dos áridos obtidos. Os estudantes estiveron acompañados durante o percorrido pola xefa territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, Susana Vázquez Romero, e pola alcaldesa de Cariño, Purificación Seixido Gómez.

O final da xornada rematou coa plantación de árbores. Todos os cativos tiveron a oportunidade de pór o seu gran de area na restauración dos terreos explotados. As árbores plantadas foron etiquetadas co nome do cativo responsable da súa sementeira. Os proxectos de restauración das explotacións de áridos son unha obriga para todas as empresas, xa que antes de comezar a extracción deben garantir a recuperación do terreo cando este deixe de ser explotado. O obxectivo é que os terreos recuperen ou melloren as condicións nas que existían antes de que o lugar sufrira a intervención do home.

AGA obsequiounos cun exemplar para cada un dun cómic e unhas unidades didácticas para achegarlles ós alumnos o sector. Uns obsequios que foron recibidos con moito agrado entre os máis cativos.